www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

mércores, 27 de marzo de 2024

RUTA DO RATO

 


Qué se pode facer nunha mañán chuviosa, fría, con unha borrasca chamada Nélson entrando polo Atlántico e que vai continuar durante días, amolando á xente que saíu de viaxe na ponte de Semana Santa, con procesións canceladas, temperaturas de menos catro graos nalgunhas zonas...? Pois a mín ocórreseme: entrar en calor, facerlle fronte á fronte e coller o Rato polo rabo de punta a cabo.

O río Rato, que bordea unha parte de Lugo cidade, é un bo sitio para camiñar ou andar na bici. Aló me fun esta mañán, decidida a espelir o frío que me encollía o corpo para logo ir nadar na piscina e tomar unha sauna. 



Mentras camiñaba, a bo paso, ocurréuseme  visitar as hortas urbanas e facer unha pequena reportaxe do que alí había de ouserbar e deixarme sorprender.

Así foi. Pouca xente camiñaba por ali a aquelas primeiras horas da mañá. No río, unha parella de patos, cada ún da súa cor, tamén decidiran dar unha voltiña pola auga.

Funme fixando nos letreiros que informan do tipo de flora e fauna que se atopa na zona. Había dende lobos, vívoras...ata fermosas especies vexetais que están empezando a coller follaxe.



Sempre sentín degaros de adentrarme nas hortas urbanas e ver que plantan ali as persoas que as coidan.



Uns paneis na entrada informan do proxecto que leva a cabo a Deputación de Lugo, concedéndolles a xente que o solicita, o uso destas terras, a carón do río Rato. A distribución das parcelas que teñen todas asinado un número, recentemente tamén dispoñen de cubos de compostaxe.



Nesta parcela, hai colocados uns trobos para abellas silvestres e uns cestiños de bimbio que sosteñen prantas de amorodos. 



Aquí, a separación dos bancais foi feita artesanalmente en forma de seve para separar as distintas clases de plantas. Por ser un lugar moi húmido, danse ben os bimbios.



A pesar do mal tempo, xa se poden ver cebolas e allos medrando. Estes repolos quedaron do inverno e aínda non se recolleron.



As vistas dende as hortas son fermosas por ser unha zona moi verde, con abundancia de árbores senlleiras e máis outras que se plantaron cando se fixo esta área recreativa.

Despídome cos paneis nos que se pode ler todo o relacionado con estas hortas e, como eu son muller de horta, sempre collo ideas para logo mellorar a miña.

Quen sementa, recolle!






venres, 22 de marzo de 2024

"SON O PASO DUN TEMPO" ( Urbano Arza)


                                                                     O corazón 

                                                                que late o tempo.

                                                                     Escoitalo!

Medio escondido, nas montañas de Lugo, en Folgoso do Courel, late o corazón de Urbano Arza que aos seus 91 anos aínda lle quedan cousas por facer. Quere contarnos as súas memorias, despois de ter escrito dous libros de poemas, construído un museo no que agocha as súas obras feitas en madeira, os obxectos que foi coleccionando ao longo da súa vida de pastor de cabras, carpinteiro, empresario de Folgoso, home emprendedor, coñecedor dos lugares que visten os nomes máis fermosos e que él convirtéu en poesía igual que os madeiros e garabullos que foi recolectando cando ía soutar aos que lles deu vida converténdoos en persoeiros, obxectos significativos, coa súa creatividade que non ten límites, cos ferregachos que xa non tiñan uso e que fixo deles esculturas que hoxe se erguen no xardín do museo e que acompañóu de curtas frases poético filosóficas que son a súa razón de ser e de entender a vida.

Foi para mín un encontro único con poetas chegadas de todas partes, coa Furgoteca que organizóu o evento no que tamén se plantaron árbores no lugar de Froxán e no que participaron  nenos e nenas do CPI de Folgoso, pais, nais, profesorado e vecindade que quixo achegarse ata o salón de actos do Concello, tendo despois a agardada visita á Madeiroteca ou Museo de Urbano onde grandes e pequenos desfrutamos con todo o que alí se mostraba como se fose un centro relixioso, unha igrexa do saber, do bo facer, da fantasía e da imaxinación diste grande artista, un pouco descoñecido aínda, ao meu ver, pero que, de seguro, non será esquecido e ogallá que saiban darlle o valor que ten gañado a pulso, nunca mellor dito, porque das súas mans saíron as súas obras.


                                                                 Ao fondo, o museo.



                                                                       Son a roda

                                                                     que da voltas

                                                                  eternamente cega

                                                                       nesa noria

                                                                    vacía da nada.



                                                                Son o dragón

                                                            que vou tragando

                                                        o que non evoluciona.



Este banco que se encontra na primeira sáa do museo, pode ser unha lembranza á súa dona que xa non se senta con él.


Unha das moitas mostras que se gardan na primeira sáa do museo e na que hai obxectos antigos moi diversos e  agrupados segundo a súa utilidade.


Dende o teito ata o chán, todo sabiamente coidado para dar esa impresión de maxestuosidade que caracteriza a todo o que el fai.


Foinos explicando os siñificados dalgúnhas das súas esculturas. Chamóume moito a atención ista.

A primeira man: Escoller o camiño, a ruta, o rumo na vida.

A segunda man: Facer o traballo ben feito.

A terceira man:  Obter o éxito.

Todo unha filosofía que él aplicóu no seu vivir cotidián. Saíu da nada, dunha familia numerosa. Apenas foi á escola. Foi pastor de cabras por montañas empinadas de vértigo. Fíxose carpinteiro. Puxo negocios na vila e deu vida á súa familia, sendo hoxe, bisavó de dous bisnetos que, ogallá, sigan os seus pasos e saiban aprezar o legado que lles deixa.




Durmía nun cuarto sen xanela. Esta é a que contruíu para poder ollar o mundo e contemplar as paisaxes do seu Courel. Unha reliquia, un símbolo, un adianto do que lle agardaba, sendo como era, un home de altas miras.


Fora, agardábanos unha degustación de doces feitos con castaña e que se elaboran en Folgoso. "Delicias do Souto".

Despois dun xantar de confraternidade, pasamos á segunda parte da visita que tiña como obxectivo a prantación de árbores, niste caso, no lugar de Froxán, onde podes atoparte con lobos en pleno día, como nos contóu un paisano que lle pasara. Quedaron frente a frente fitándose ata que o home lles dixo: "Quén de nós se vai primeiro?" Os lobos saíron correndo cara ao monte.




Agradecer a Paula Buján, bibliotecaria da Furgoteca, pola organización tan ben levada diste evento no que todo o mundo que participamos quedamos contentos de pasar un día completo no Courel facendo cousas en común. Grazas, Paula!


                Con Paula e Urbano durante a lectura de poemas no Concello de Folgoso.




luns, 11 de marzo de 2024

O MUIÑO DO TIO SUSO

 



Do Couto ao Souto

nunha muiñada,

pasando por Peredo,

vin a Paco Pestana.

Na Frairía agardaba

un pazo descoidado. 

Cans de todas marcas

ao noso paso ladraban.

Orientadas polo Google

fómonos encamiñando,

deixando atras Marrondo,

descendo por fragas,

o muíño xa nos tardaba.

Barallando incertezas,

fomos con él dando.

O muíño do tío Suso

por nós alí agardaba.

As imaxes son palabras.

Por dentro e por fora,

fixo boa muiñada.





venres, 1 de marzo de 2024

HAI DÍAS...





 Hai días, máis ou menos tristes. Senón tristes, alomenos algo patéticos, desganados, desesperanzados...

Custa traballo comunicarse co mundo, ofrecer algo que interese, algo que descubrir, revelar, comentar...

Ultimamente estiven intentando entenderme cos robots, con eses contestadores automáticos, con eses menús de temas nos que tes que escoller o que vaia de acordo co teu problema. 



Ningún deles me daba unha solución. Derivábanme a outras posibles vías de chegar a aclarar as miñas dúbidas, pero tampouco me entendían.

Pensei, que o mundo que se nos bota enriba é o mundo da "intelixencia artificial". Nunca me gustaron ese tipo de intelixencias, onde falta o trato entre persoa e persoa, onde se pode preguntar e obter unha resposta axeitada, ou non, pero unha resposta humana.



Decidín tirar a casa pola xanela e poñer numerosos obxectos sen utilidade, á venda nas plataformas de Internet, Wallalpop, Milanuncios...

Un erro, por ser principiante, levóume a un atranco do que non sabía sair. Percorrín todos os instrumentos de axuda que me bailaban na páxina. Din datos para ser chamada, para ter unha resposta por correo eléctrónico. Chamei a números onde se me derivaba a premer opcións..." diga o pulse uno, dos, tres..." para acabar dirixíndome ás súas webs e colgar a chamada sen máis.



Case me entra un baixón de moral ante tanta quincalla que o único que fan é eliminarr postos de traballo, desentenderse dos problemas alleos e quedaren co beneficio que dá non ter quen te  moleste directamente.

E logo, unha vez que ves o fallo que tiveches, non hai posibilidade de rectificar, de volver ao paso anterior e marcar a opción axeitada. Demasiado tarde. Apáganse as luces que te iluminaban por eses corredores electrónicos e quedaches máis triste que cando empezaches, tendo ilusión por canalizar os teus obxectos non usados, para algúen que sí os precisa, ou cre precisalos.



Entón acudes ao normal, ao de sempre, ao local, a buscar a xente que che contesta ao teléfono e che indica os pasos a dar na solución do problema.

Hai problemas que precisan de noites de almofada ben perto do cerebro, que te arroupen e che aporten as ideas que funcionan. Espero ter chegado a ese estado!


                                COME TO MY JUMBLE SALE !

xoves, 8 de febreiro de 2024

PAN DE TRIGO SARRACENO



 Unha experencia unida ao pan de trigo sarraceno comezóu coa chegada dunha parella da Bretaña francesa no 2012, que facían couchsurfing, é dicir, aloxarse de balde e compartir unha receta típica do seu lugar de orixen coa persoa anfitriona.

Para tal fin, pedíronme que trouxera do supermercado trigo sarraceno. Daquela non se atopaba nada con ese nome na cidade máis próxima. O que sí encontraba era espelta pero iso non lles valía. Polo tanto quedeime sen poder degustar uns creps ao estilo bretón, pero sí que me servíu de orientación para poder facelos eu mesma cando dispuxera desa fariña.

Así foi como descubrín que o chamado trigo sarraceno, non era tal trigo, senón unha semente, sen gluten, que se utilizaba para moitas receitas, incluso para facer pan sen gluten.

Unha vez que aprendín a utilizalo, empecéi a facer as nosas fillóas, usando tres fariñas, a normal de trigo, xunto con espelta e trigo sarraceno. Resultaban moito máis dixestivas e como eu xa convivira en Londres cunha rapaza bretona que traía creps cando ía á casa, tamén sabía que os recheaban con salchichas, ovo...e deixei voar a miña creatividade, facendo dos meus creps o prato estrela da miña cociña. 


Pero chegar a mercar ou facer pan de trigo sarraceno foi o seguinte paso, unha vez que me indicaron reducir o gluten e a lactosa na miña dieta por problemas dixestivos. 

Xa utilizaba o sarraceno en gran, que é semellante ao arroz pero máis esquinado, para guarnición dalgún prato, e a fariña para bizcoitos, empanadas...

No 2023, cal non sería a miña sorpresa ao descubrir unha panaderia da miña zona que elabora pan de trigo sarraceno. Comecéi a mercarllo e teño que dicir que é un pan moi caro comparado co pan normal pero para mín é como menciña. Séntame a mar de ben e gústame o seu peculiar sabor que non gosta a todo o mundo. Acostumo coller dous á semana e conxelar en rebanadas para ir sacando ao día.

O que ocorre é que a panadeira, unhas veces porque non ten fariña, outras por outro motivo, non sempre o trae e eu tiven a idea de facelo eu mesma. Todo o que necesitaba era trigo sarraceno en gran ou en fariña, psyllium, que é o que lle fai levedar un pouco, xa que por sí mesmo non leveda, e puxen mans á masa. Resultóume moi laborioso porque utilicei o gran, como me indicaba a receita, pero logo descubrín outras que utilizan a fariña e resulta máis doado de facer.



Para ser a primeira vez, non me queixo do resultado aínda que sí é verdade que ollóu menos que o que lle merco á panadeira. Tampouco é igual un forno de pan que un forno doméstico, e menos o meu, que está xa para o desguace! Con todo, é comible e senta moi ben. 

Deixo aquí a receita pola que me guiéi para facelo pero non descarto, no futuro, utilizar a fariña en paga do gran porque da menos traballo.

Non moita xente está enterada da existencia do trigo sarraceno e por iso eu quero con este post, dalo a coñecer para que outras persoas que non poidan tomar gluten, saiban facer un pan nutritivo, saudable e que se dixiere moi ben deixándonos content@s por fora e por dentro.


https://www.bonviveurutm.es/recetas/pan-de-trigo-sarraceno?



domingo, 14 de xaneiro de 2024

OS OVOS DA GALIÑA AZUL

 



A galiña azul non é tan só o nome que a Xunta de Galiza lle deu ás garderías infantís, pero sí que pode ser polo feito de que existe a galiña azul e ten unha longa historia malia a que eu a descubrira fai pouco, na miña propia aldea. Acostumo mercar os ovos das galiñas que viven libres e comen de todo o que encontran na horta, no curral, na aira, e que son consideradas "galiñas felices". Nunca lle lo preguntei pero semellan máis felices cas que viven encerradas en galiñeiros reducidos, por non mencionar as que viven hacinadas en granxas.

Investigando un anaquiño en Internet, entereime de que hainas de variadas razas: Andaluza, Extremeña, Chinesa... pero o que sí me chamóu a atención foi que as galiñas azuis europeas, proceden das autóctonas chilenas chamadas Araucana ou Mapuche, que logo de exportalas a EEUU, viñeron para Europa a primeiros do século XX.

Parece ser que o motivo da cor azulada ou verdosa da cáscara dos ovos, procede dunha mutación xenética producida por un virus que transforma a hemoglobina en biliverdina, un pigmento que se concentra na cáscara cando se está formando.




Caracterízase por ter a xema máis grande e a cáscara máis dura. Pola contra, non se descubríu que tivesen menos colesterol que outros ovos, pero sí máis proteínas. 

As galiñas azuis poñen menos ovos que as demáis galiñas e as que eu coñezo, gústalles poñelos na roupa vella que ten a dona por algún curruncho da casa. Son finas!

Tamén se caracterizan por unha cresta máis recortada e a súa plumaxe ten un toque azulado que destaca sobre o das compañeiras brancas.

Dende que as descubrín e probei os seus ovos... como que non quero outros! Pero non é para tanto. Simplemente que se puxeron "de moda" aquí na aldea e cando lle lo contei ás miñas netas, quixeron probalos e tamén queren que lles consiga unha ou dúas galiñas azuis.

A min gústame almorzar cun ovo de trres minutos, estilo inglés. Déixanme nutrida para toda a mañá!

Quen queira saber máis das galiñas azuis, poden visitar https://www.cope.es/n/616627





martes, 2 de xaneiro de 2024

ESTABA O SEÑOR DON GATO...

 


Na casa onde nacín, sempre houbo gatos. De pequena e de máis grande, viñan durmir comigo. Subían pola xanela, facían as súas carantoñas ata que se lles daba entrada. Acostumaba ser pola mañá cedo. Entraban primeiro polo cuarto de miña nai e dalí viñan direitiño a miña cama mentres eu aínda non acordara e cando estaban amasando en min, tentando cas patas, como acostuman facer, era cando eu me decataba do seu ronroneo e trafego enriba das mantas ata que se acomodaban nun buratiño que o meu corpo lles propiciaba e alí se quedaban. A min gustábame a súa compaña e non lle facía noxos ás posibles pulgas que poideran ter. Daquela non se reparaba nesas cousas. Os animais e as persoas convivían baixo o mesmo teito, tanto os porcos, como vacas, ovellas, cabras e mesmo galiñas e coellos. Todos eramos da mesma estirpe e dabámonos calor uns aos outros/as.


Lámbrome do Pirracas, bautizárao así miña nai. Outros tiveran nomes menos extravagantes. A medida que pasaban os anos, eu fun perdendo o gusto de compartir cama con eles. Pero sí que me gustaban na cociña, subidos ao banco onde nos setabamos, durmindo nos nosos colos...

O que nunca tiveramos foran cans. A min nunca me chamaran a atención, se ven na casa dos ovós, había sempre algún can porque meu tío era cazador. Pero, en xeral, dábanme algo de medo os cans.

Ata que un día, roubei unha cadeliña na Marronda. Iso non foi tanto que pasóu. Sería no ano 2009, cando comecéi a escribir este blog. Fora dar unha volta no coche polo monte e vin tres cans case iguais todos. Estaban no mesmo medio da Marronda, nun sitio sen aldeas nin rastro humano. Pensei que estaban abandonados. Paréi e abrín a porta. Vin que un deles viña correndo hacia min. Meteuse no coche e eu decidín salvala dunha morte case segura, pois se pasaban a noite polo monte, o mais seguro era que os comese un lobo. Nese intre xa lle atopei o nome: Noa. Nese intre, decidín ter un can. Niste caso, unha cadela que tería tres anos daquela.



Foi ela mesma quen atopóu o que sería seu compañeiro de alí en diante. Estabamos indo por un camiño e ela sentíu que algo se movía pola cuneta entre as silvas. Alí estaba un gatiño novo, perdido e con ganas de atopar pousada. Como era desta cor decidín chamarlle Mel. Deixóuse coller sen opoñer obstáculos e levámolo para a casa. Fixeron moi boas migas e duróu un bo tempo. Ata que o picóu ou mordeu algo que lle saíu un bulto na pescozo e houbo que operalo. Non pagóu a pena porque logo morreu ou desapareceu.



Pero pasamos un tempo moi felices os tres tanto no verán como no inverno. Na cociña, xunto ao lume, Mel sempre se subía ao sillón para durmir ás súas anchas. Noa e os gatos que houbo dende daquela, sempre compartiron cama e mesmo cando Noa tivo cachorros, o gato turnábase na custodia mentres ela ía dar unha voltiña.

Agora xa non teño gatos. Dende que morreu o que era mouriño, decidín non ter máis. Vino sufrir moito e durante bastante tempo. Ata que se marchóu para nunca máis volver. Decidíu ir morrer a soas para non darme ese mal trago.

Agora conténtome con mirar para os gatos e gatas dos veciños, que teñen a manchea. Algúns, mesmo veñen durmir á miña palleira. Así tamén me controlan os ratos. Eu doulles agarimo e fálolles bonito. 

Onte, cando pola mañá, vin a un no pico do tellado da casa deles, pensei que daba para unha boa foto.

Por iso o puxen encabezando esta entrada e lembreime daquela cantiga que nos ensinaban na escola: 

Estaba el señor don gato

sentadito en su tejado, 

marriu, miau, miau...

sentadito en su tejado.







martes, 26 de decembro de 2023

RUTA DOS PINTORES

 


Por fin chegóu, por sorpresa, o día que me levaría a coñecer esta ruta da Fonsagrada, (Lugo), despois dun primeiro intento fallido, por mor da chuvia, días atrás.

Chámase así, para honrar a dous pintores nados en aldeas polas que pasamos, Benjamín Vázquez de Pántares e Miguel López Monteseirín de Allonquiña.

Comezamos a ruta na Ferraría,  con mal pé, nunca mellor dito, porque o sendeiro estaba masacrado polo tránsito de tractores carregados de madeira que fixeron del un barrizal no que nos enterrabamos ata os nocellos. Fomos sorteando este obstáculo como mellor poidemos pero coa intención de poñelo en coñecemento das autoridades para que, polo menos, eisixan aos madeiristas a reparación do camiño tal e como estaba antes de usalo.



O sendeiro, a carón do río Allonca, zona protexida por ser Reserva da Biosfera, levounos por paraxes sombrías ao principio, na fría mañá de xeada, para ofrecernos unhas vistas espléndidas de montaña, val ou case cañón, por fragas de robledo, acivro, teixos, entre outras especies.

A primeira igrexa que atopamos, Santa María de Allonca, S XVIII, unha das poucas que teñen escaleira exterior para acceder ao campanario.



En canto chegamos a un alto no que o sol empezaba a aquecernos, vimos unhas rochas planas e alí decidimos tomar o café da mañá. Non faltóu turrón de castaña e chocolate, de elaboración caseira, bolachas, froita deshidratada traída de Indonesia...




para logo continuar por un sendeiro protexido por laxes estreitas e punteagudas, paredes de pedra que seguramente serviron de protección dos animais que levaban o gran ao muíño que atoparíamos máis adiante en moi bo estado de conservación, tendo tamén vivenda para o muiñeiro na planta alta.






Chegamos a un nucleo rural formado por vinte casas, moitas en ruínas e outras restauradas. Era o punto máis afastado da ruta dende o que retornamos ao punto de partida, xa que se trata dunha ruta circular de uns 11.500 kms. 
A aldea chámase Allonquiña e agás no periodo vacacional, atópase sen habitantes. Ten unha capela na que se gardaba unha escultura de Santiago Matamouros que agora se conserva na casa grande de Allonca e tamén  unha escola feita en 1955 co diñeiro dos emigrantes do lugar en Arxentina.
Alí atopamos unha fonte xunto a unha  casa que leva por nome O Relaio e debaixo do hórreo  decidimos tomar o xantar que levabamos e que xa ía sendo hora de comelo.









Pasamos por Allonca, e chamóunos a atención a Casa Grande, da que falaba antes. É realmente suntuosa, con moitas propiedades arredor así como hórreo, e outras dependencias.







Un pouco máis adiante atópase o núcleo rural de Allanca con estas casas grandes ben conservadas e habitadas moitas delas.



Desexando chegar ao punto de partida apuramos a subida empinada por un sendeiro algo escorregadizo despois dunhas cinco horas que aproveitamos para ir devagariño vendo cousas, ouservando, sentindo a natureza e entreténdonos con historias, cantigas... desfrutando da boa compaña e agradecendo ter tan perto de nós, lugares tan idílicos e interesantes, con moito que aprender deles, de como vivían as súas xentes, dos traballos que pasaron para facer as casas, as paredes das lindes das fincas e camiños, o aproveitamento do río, dos muíños nunha paisaxe agreste, montañosa e na que se sinte a natureza, a paz, o silenzo e se respira aire puro sen contaminar... Un tesouro que merece ser gardado e coidado.

Grazas, Iria, Sande e Daniel por tan boa compaña e por brindarme a oportunidade de coñecer sitios tan interesantes.